A Asemblea Local do BNG elexiu como candidato a Marcos Besada Pérez para as eleccións municipais do 22 de maio. A Asemblea aprobou tamén a equipa de persoas que o van acompañar nos postos de saída e que van a conformar a equipa de goberno se os veciños e veciñas de Salceda así o deciden.
Trátase de Fortunato Álvarez González, Loli Castiñeira Alén, Martín Iglesias Ramírez, Teresa Pérez González, Cándido Lorenzo González e Xose Manuel Piñeiro Domínguez.
O BNG demostrou que sabe gobernar e que o fai en equipo, con eficacia, con diálogo e negociación constante, tratando con igualdade a tódolos cidadáns e pensando sempre no interese público.
O candidato á alcaldía, Marcos Besada, considera que “temos as ideas claras, os proxectos e a equipa de persoas capacitada para seguir traballando pola nova Salceda que os veciños e as veciñas desexan. Unha equipa formada por persoas serias, solventes, responsables e con capacidade, e o máis importante, persoas de confianza que antepoñen os intereses do Concello por enriba de calquera outro”.
Salceda iniciou hai catro anos unha nova etapa para o seu futuro. Un Concello e unha vila pensados para a xente, un concello onde vivir, traballar e desfrutar, recuperando o orgullo de vivir en Salceda e ofrecendo ó País unha nova imaxe tras trinta anos de gobernos do PP.
“Moitos e moitas abriron os ollos e danse conta xa dos moitos anos perdidos polos gobernos do PP. Estamos convencidos que os cidadáns non van permitir un retorno ao pasado, van seguir apostando por un goberno do BNG que é garantía dun Concello aberto á xente, un Concello transparente e responsable que resolve os problemas dos veciños e das veciñas”, afirmou Marcos Besada.